Arrecian as críticas contra o novo proxecto de recheo do areal sadense a costa do banco de Lorbé

A praia das Delicias está nas proximidades da Terraza de Sada

A Sociedade Galega de Historia Natural, Adega, Plataforma en Defensa da Ría ou Hábitat censuraron que se pretenda licitar novamente o recheo do areal sadense das Delicias. O Concello de Sada convocou un consello sectorial de medio ambiente para abordar as obras de rexeneración do areal e a Sociedade Galega de Historia Natural xa anunciou que aproveitará o encontro para reabrir o debate e que suscitará escritos ás instancias oportunas para intentar paralizar novamente o proceso. O anterior fora paralizado por diversas irregularidades administrativas tras diversas denuncias destas e outras entidades.

A SGHN cuestiona que a Demarcación de Costas manteña os “graves erros” do proxecto, que mantén como premisa de partida “equivocada” que “as praias só teñen un uso recreativo para a poboación”. A entidade denuncia que o estudo de impacto é de hai unha década, concretamente de 2006, e que nos dous períodos de consulta celebrados en 2007 e 2009 achegáronse “medidas correctoras mínimas e pouco concretas”. Alerta do impacto que provocará o recheo do arel na pesca de baixura e volve alertar que a extración da area no banco de Lorbé, zona de cría de varias especies comerciais da ríua, terá impacto ambiental e económico.

Este punto fixo que todos os pósitos da ría de Betanzos cuestionasen hai ano e medio o proxecto de extracción, que o alcalde sadense, Benito Portela (SadaMaioría, marca local de En Marea) defendía como alternativa para captar máis turismo e volcar Sada nese sector. A SGHN advirte, ademais, que a extracción de area nesta zona provocará a emisión de partículas que afectarán ás zonas de cultivo de Sada e critica que non se tomaron mostras do punto de extracción para analizar a súa composición química.

Outro dos puntos da declaración de impacto ambiental que menos convencen á agrupación está relacionado coa existencia dun zosteral na praia. Critican que o estudo obviar esta pradera mariña “cando é máis que evidente a primeira ollada”. Recordan que o Convenio de OSPAR para a protección do medio ambiente mariño do Atlántico Nordeste recolle unha serie de recomendacións para protexer e mellorar estes hábitats e que a zostera noltei figura como especie vulnerable no Atlántico. A SGHN a considera “curioso” que a Xunta advirta a presenza de pradeiras de zostera en Gandarío e “non fale nada do enorme zosteral que xa existía en Sada”, que será eliminado co aporte de area previsto para crear unha praia de 70 metros de anchura. Os ecoloxistas advirten de que a eliminación desta pradera de zostera eliminará á súa vez unha importante zona de alimentación e descanso de aves acuáticas de ría de Betanzos.

Advertisements