Un instituto de vangarda para Betanzos

O patrimonio arquitectónico de Betanzos está iconicamente representado polo rosetón de Santa María do Azougue ou o Pasatempo. Mais logo do modernismo de indianos e industriais acaudalados, xunto coa arquitectura racionalista chegou un edificio inspirado nas vangardas chamado a ser todo un referente. De non ser por que a piqueta deu no chan con el en 1980.

Corrían os anos de chumbo da posguerra mundial cando o Instituto Laboral de Betanzos abriu as súas aulas. Retomaba as clases de ensino medio que a Guerra Civil e a represión truncaran e asentábase no vello e baleiro edificio do exmosteiro de San Domingos. A inauguración oficial do Instituto realizouse o 17 de setembro de 1952 e consistiu na celebración relixosa seguida da impartición simbólica dunha primeira clase. En novembro de 1955, o Instituto Laboral de Betanzos foi autorizado polo Ministerio de Educación Nacional a utilizar a denominación oficial de “Francisco Aguiar”, un relixioso betanceiro do século XVII, Francisco de Aguiar Seixas e Ulloa, que foi arcebispo de México, onde fundou distintas institucións docentes e benéficas.

Pronto o antigo cenobio queda pequeno e demanda maior espazo para a impartición do bacharelato laboral agrícola que se impartía no espazo e para novas actividades como a primeira emisora laboral do estado, que salta ás ondas en 1955 emitindo dúas horas e media diarias e que deixaría de emitir en xuño de 1966.

En 1954 deron comezo as obras de construcción dun novo edificio parao Instituto. Escóllese o barrio da Madalena para poder establecer os campos de ensaio e as aulas no mesmo entorno. Encárgaselle o proxecto ao arquitecto Antonio Tenreiro Brochón, que terá, como recolle o proxecto, apenas cen días para deseñar o centro, que entraría en funcionamento en 1957.

Poucas referencias hai nesa altura para deseñar institutos laborais, pois é un dos primeiros do estado. Tenreiro toma inspiración do de Daimiel, pioneiro deste tipo de ensino e que supuxo un prototipo para centros coma este, e dos postulados teóricos de Le Corbusier. Terá Tenreiro un orzamento de 5,8 millóns de pesetas.

Mural no vestíbulo pintado polo propio Tenreiro

Con estes condicionantes, o arquitecto reinterpreta as vangardas e a propia arquitectura tradicional das Mariñas. Déixao claro cando escribe, de puño e letra, que “Betanzos es un pueblo de una gran calidad monumental y plástica en el paisaje
y había que tenerlo muy en cuenta en el proyecto; así, de componer todos los volúmenes de la manera más horizontal posible, acentuando en la zona basamental su adaptación al terreno con unos muros de mampostería local de gran calidad plástica y además muy económicos, tratándose así de conseguir un conjunto adecuado a su finalidad y algo totalmente distinto del pueblo, como puede ser un árbol, y evitar así toda posible competencia de valores, que, dados los pocos recursos con que se contaba siempre, llevaría las de perder”.

O edificio orixinalmente proxectado tivo que ampliarse para acoller todas as demandas que o bacharelato laboral agrícola demandaba, incorporándoselle dúas unidades de obradoiros, almacén, unha nova aula e laboratorio e dependencias para a emisora de radio que o instituto xa tiña.

Do proxecto despréndese a previsión de levantar o “núcleo de talleres con muros de carga de mampostería vista con cubierta de bóvedas de membrana de 1/4 de círculo apoyadas en una estructura central (solución esta del proyecto inicial antieconómica)”. Canda el, un “núcleo de clases y laboratorios; aquí se optó por una solución aérea de pórticos de hormigón armado y una cubierta muy ligera de uralita a un agua apoyada sobre correas de madera, aislante térmico de lana de vidrio y cielo raso acústico, de tablex perforado clavado en tiras de 20 cm., permitiendo así en todas las aulas una ventilación cruzada” e para unir ambos conxuntos “queda el núcleo ingreso-administración, flotando entre los anteriores a modo junta elástica, con una cubierta ligera análoga”.

O conxunto destaca polos seus amplos ventanais, que serven de lucernario a todos os interiores, onde mobiliario de inspiración escandinava reinterpretan bibliotecas, aulas e salas de profesores. O revolucionario desta arquitectura levouna mesmo a incorporar aparcamentos para bicicletas. Tal edificio merecerá o Premio Nacional de Construcciones Escolares e requerirá a incorporación dun continxente maior de profesorado, cuxos proxectos xa temos abordado nalgunhas outras reportaxes.

O edificio, como lle pasara ao convento, volveu quedar pequeno. Nos campos experimentais levantouse o novo instituto Francisco Aguiar, reacondicionando elementos do vello instituto laboral coma o silo ou as cortes, que aínda a día de hoxe seguen sendo chamadas “Porquerizas” e contrastan o seu soportal clásico cos pilotes de formigón do actual instituto.

En 1981 o vello instituto vangardista quedou baleiro. Demoleuse para dar paso ao instituto de FP, logo de separarse as ensinanzas laborais do bacharelato. Era alcalde naquela altura Vicente de la Fuente, e presidente da Xunta preautonómica José Quiroga, ambos da mesma UCD que dirixía o Ministerio de Educación, do que dependía o centro.

Aínda no actual instituto das Mariñas pervive algún pequeno elemento do vello centro de Tenreiro, ademais dun aulario que toscamente pretende imitalo. Do vello instituto quedan os recordos dos alumnos que o gozaron e unha galería fotográfica.

Advertisements