Múltiples incendios forestais en Sada, Curtis, Aranga, Vilarmaior, Monfero e Betanzos

Efectivos autonómicos e municipais sofocaron onte varios incendios forestais na nosa comarca, concretamente nos municipios de Sada,  Curtis, Vilarmaior, Betanzos e Aranga. Os primeiros en declararse foron os de Sada, que queimaron ao redor de catro hectáreas de monte nas parroquias de Meirás -preto da Vía Artabra, no límite con Oleiros- e Mondego.

En Curtis, o Grupo de Urxencias Municipal, xunto cos membros do 085, enfrontáronse a dous incendios. O primeiro, detrás do campo de fútbol, onde ardeu ao redor de hectárea e media de arbolado e monte baixo. O segundo, xa pola tarde e rápidamente controlado e extinguido, no lugar de Froxado.

Os bombeiros de Betanzos ás 22:35 sufocaron un incendio forestal en Piadela e tamén pola tarde extinguiron outro incendio na aldea de Abelares, segundo confirmou o concello de Betanzos nas súas redes sociais coa axuda de protección civil.

Na estrada de Campolongo a Monfero, no concello de Vilarmaior, houbo outro pequeno incendio.

Tamén se produciron incidencias polo vento, como a retirada dunha árbore en Sarandóns, en Abegondo.

En Aranga houbo un incendio en Orosa, xa extinguido e onte a última hora permanecía activo un incendio en Cambás, no concello de Aranga e produciuse tamén un incendio nunha casa abandonada en Muniferral que foi extinguido xa esta mañá.

Hoxe ás 20 da tarde a Plataforma Lumes Nunca Máis convoca unha concentración diante do Concello de Betanzos para esixir responsabilidades. Estas concentracións convocanse nas principais vilas e cidades galegas.

Advertisements