Sada oferta axudas de 40 a 150 euros para o transporte escolar a centros sen bus

O Concello de Sada convoca as axudas para o transporte escolar dirixidas a alumnos de Secundaria adultos, Bachillerato, FP ou ciclos formativos e estudos universitarios. As bolsas variarán desde os 40 ata os 150 euros, dependendo da distancia entre o domicilio do beneficiario e o centro educativo onde estea matriculado, a condición de que o centro careza de transporte escolar.

O Concello concederá unha única axuda para todo o curso lectivo, que será abonada en dous prazos: un 70% neste ano 2017 e o 30% restante o ano que vén.

As solicitudes destas axudas deberán presentarse nun prazo máximo de quince días hábiles a partir de que o Boletín Oficial da Provincia (BOP) publique a convocatoria.

A Concellería de Educación recorda que tamén presentou as axudas de material escolar (vestimenta incluída) para este curso e que o prazo de solicitude neste caso finaliza o vindeiro luns día 23. O obxectivo destas subvencións é favorecer o acceso aos centros de ensino públicos axudando no traslado aos mesmos.

Advertisements