Expropiados de Miño ven ridícula a negativa do alcalde a asumir o pago dos intereses

O goberno local de Miño nun Pleno. En primeio plano o alcalde, de MPA, e ao fondo o grupo municipal do PP

O avogado da asociación de expropiados pola urbanización Costa Miño Golf cualificou onte de “ridícula” a afirmación do alcalde, Ricardo Sánchez, de que o Concello “non asumirá o pago dos intereses” e de que o seu desembolso dependerá de que o xulgado acepte a reclamación dos afectados. “A Xustiza xa declarou ao Concello responsable da débeda principal e dos intereses. Iso xa está sentenciado e máis que sentenciado”, sostivo onte o letrado a consulta deste diario.

O representante legal dos expropiados xa tramita a actualización das liquidaciones nos xulgados. Segundo os seus cálculos, os intereses de demora pola ocupación dos terreos en 2004 superan xa o 40% da débeda principal. É dicir, que aos preto de 14 millóns que o Concello ten que pagar polos terreos habería que sumar ao redor de seis máis polos intereses de demora. Esta cuantía verase incrementada ademais polas leiras que carecen aínda de sentenza firme e os intereses polo pago de 1,1 millóns aínda en trámite (en total, poderían superar os oito millóns).

O BNG fixo pública onte tamén a súa opinión en relación con estas declaracións do alcalde. “Temos que pagar a débeda que temos coa veciñanza que foi expropiada para favorecer os intereses dunha empresa privada, e tamén teremos que pagar os intereses, porque xa foron ao xulgado e xa hai unha sentenza que obriga ao concello. Se en vez de gastar cartos públicos en presentar recurso tras recurso se pedise responsabilidades a quen tomou esta decisión e se actuase de forma responsábel non teriamos acumulada a cantidade de intereses que agora temos que pagar”, concluíu a portavoz do BNG. “É de todo impresentábel intentar culpabilizar aos veciños e veciñas expropiadas mentres as persoas responsábeis seguen no goberno apoiando ao actual alcalde”.

Advertisements