O goberno local saca a consulta unha ordenanza de venda ambulante que non se aplicará ás feiras

Unha panorámica da feira de Betanzos

O Concello somete a consulta pública a Ordenanza reguladora da venda ambulante, que estará publicada na web municipal ata o 26 de este mes para recompilar a opinión das posibles persoas afectadas pola norma sobre os problemas para solucionar, a necesidade e oportunidades da súa aprobación. As persoas interesadas poden enviar a súas propostas a comunicacion@betanzos.net ou no Rexistro xeral.

A ordenanza modifica a actualmente en vigor da venda ambulante para adaptala á normativa vixente, tal e como foi aprobado en Pleno o pasado día 20 de decembro. O interese principal desta Ordenanza é “regular o réxime administrativo da actividade de venda ambulante, e destacar tanto a atención aos requisitos que os/as comerciantes deben reunir para ter acceso á actividade, así como as novidades cando ao aumento da duración das autorizacións para exercer a venda ambulante, a posibilidade de transmisión das autorizacións así como a simplificación da documentación para presentar” indica o goberno local nunha nota.

A Ordenanza afectará á organización dos mercados que se realiza no Concello para estimular o desenvolvemento agrario da comarca de Betanzos e facilitarlle á poboación o abastecemento de produtos naturais da terra de consumo diario. Os postos de venda instalaranse procurando non facelo nos accesos a edificios de uso público, establecementos industriais ou comerciais, nin diante dos escaparates ou exposicións, ou de xeito que dificulten tales accesos á circulación peonil. A ordenanza regulará a dimensión dos postos que será de 2 x 1,5 m.

Canto á feira coma un xeito de desenvolvemento da comunidade, de dinamizar a produción da comarca e estimular o intercambio económico mantendo esta forma de comercio tradicional. Neste caso se regula a dimensión máxima que será de 6×3 m. Poderase vender alimentación; xeral (téxtil e calzado); artesanía e bixutería e produtos de tempada (árbores froiteiras, plantas e flores). A ordenanza tamén regula os mercados ocasionais como a Feira Franca Medieval e o mercado ecolóxico.

A pesar de que o goberno local di no seu comunicado que esta ordenanza “inclúe, entre outras, tanto a feira dos días 1 e 16 como os mercados semanas que se celebran os martes, xoves e sábados”, o certo é que o artigo segundo do texto en exposición pública, que podes consultar aquí, asegura que “están excluídas do ámbito de aplicación da presente Ordenanza as seguintes actividades feirais: as feiras que, con independencia da súa periodicidade, se dirixan ao público en xeral e cuxo obxecto sexa a venda directa con retirada de mercadorías durante a súa celebración”. Tampouco será de aplicación esta norma a “actividades de carácter promocional organizadas polos establecementos comerciais, con independencia da súa duración”, das cales a máis sobranceira é a feira de oportunidades de ACEBE, e “as exposicións cuxo obxecto sexa a exhibición, con ou sen venda, de produtos da cultura, a ciencia, a educación e a arte”.

Advertisements