O BOP publicou onte a suspensión definitiva da contratación do PXOM tras o recurso do COAG

Antonio Vázquez é o concelleiro de Urbanismo e Obras

O Boletín Oficial da Provincia publicou onte o anuncio de desistimento do proceso de adxudicación do contrato de “Servizo de redacción do Plan Xeral de Ordenación Municipal do Concello de Betanzos 2017-2021”. Segundo a información do xornal oficial, a Xunta de Goberno Local de data 09/11/2017 acordou estimar parcialmente o recurso de reposición presentado polo colexio de arquitectos de Galicia contra os requisitos exixidos no concurso para acreditar a solvencia técnica esixida e, en consecuencia, suspender o proceso de licitación convocado.

O recurso do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia contra a contratación censuraba, entre outras cousas, que as condicións técnicas exixidas impedían na práctica a libre concorrencia dos estudos de arquitectura potencialmente interesados. Malia asegurar que todo estaba conforma a legalidade, o goberno local viuse forzado a suspender todo o procedemento. O alcalde deslizou a crítica contra o COAG ao asegurar que o proceso se vería retrasado novamente.

 

Os dous contratos anteriores para redactar o PXOM betanceiro levounos a mesma empresa, Oficina de Planeamiento. É a terceira vez que un goberno do PSOE contrata a redación dun Plan Xeral para Betanzos, e a nova será xa a cuarta. Betanzos leva 25 anos para ter aprobado un PXOM. O goberno local amosase incapaz de sacalo adiante malia as reiteradas promesas. A última vez, tratou de culpabilizar á oposición de non aprobar un PXOm redactado unilateralmente. Agora o alcalde insinuaba que o novo retraso é cousa do COAG.

Advertisements