Rajoy exclúe o tren galego do corredor atlántico europeo, que só se revisará a partir de 2027

Estación Betanzos-Cidade. Fotografía da Galipedia

O goberno español acaba de decidir excluír Galicia do Corredor Atlántico da Rede Transeuropea do ferrocarril de mercancías. O executivo de Mariano Rajoy colou a nova no medio do anuncio de que en 2018 en cambio si defenderá “a inclusión do ramal cantábrico de estradas no Corredor Atlántico para que teña prioridade” de financiamento no próximo periodo de programación europeo, o 2021-2027. A inclusión do noso país neste corredor, xunto con Castela e León e Asturias supoñería poder acceder a financiamento para a renovación e electrificación da rede ferroviaria do interior de Galicia que sae da comunidade por Monforte cara a León para comunicar co Corredor Atlántico e de aí cara a Europa pola fronteira de Hendaya.

A rede ferroviaria do interior do noso país está completamente obsoleta e só capta o 1% de todas as mercancías que teñen Galicia como orixe ou destino debido á súa falta de eficacia. Nos actuais plans do goberno español, o trazado do Corredor Atlántico arrinca en Sines (Portugal) e chega ata a fronteira francesa, deixando fóra Galicia, parte de Castela e León e Asturias. O tráfico de contenedores desde os portos exteriores da Coruña e Ferrol aínda non se pode realizar por ferrocarril por non ter as comunicacións realizadas, mais a previsión de funcionamento de ambas radas pivota precisamente na conexión ferroviaria, onde a nosa cidade é nó de comunicacións. Ademais, ao estar o polígono industrial de Piadela atravesado pola vía férrea, esta conexión podía supor un aliciente para o desenvolvemento de solo industrial asociado a estes servizos na nosa cidade.

Esta decisión obrigará a agardar cando menos dez anos, desvelou o executivo do PP, ras unha reunión do titular do Ministerio de Fomento co coordinador europeo do Corredor Atlántico en Estrasburgo.  As negociacións para que Galicia e outras comunidades do estado español dispoñan dunha liña ferroviaria de mercancías modernizada para levar contenedores ata Francia e o resto de Europa non empezarán polo menos ata dentro de 6 anos e ata 4 anos despois non se saberá si Bruxelas dará o seu OK para financiar as obras. E despois aínda haberá de acometerse a construción. “A incorporación de novos corredores á Rede Básica podería levarse a cabo na negociación da revisión do Reglamento RTE-T (Rede Transeuropea de Transportes) prevista para 2023, que culminará en 2027”, deslizou o Ministerio de Fomento, nunha nota de prensa, ao abordar “a posible revisión do Corredor Atlántico, no referente ao modo ferroviario”.

Así, a conexión de Galicia e o resto do noroeste do estado español queda fóra entón do próximo programa plurinual da UE debido á decisión do goberno Rajoy. Europa planifica a súa actividade de seis en seis anos. Agora estamos no periodo 2014-2020, e o seguinte será o 2021-2027, pero empézase a negociar o próximo exercicio, porque as discusións levan anos, ao tratarse de moito diñeiro en xogo, de políticas moi diferentes (pesca, agricultura, infraestructura, …) e tamén de moitos socios implicados. O enlace do noroeste do estado español ao Corredor Atlántico non ten opcións no próximo periodo comunitario. Debe esperar, segundo o comunicado de onte de Fomento, a dentro de dous periodos.

O BNG denuncia que o estado español si incluiu na rede o corredor mediterráneo

O BNG considera que o Estado volve discriminar Galiza coa exclusión do corredor atlántico de mercadorías da Rede Transeuropea de Transporte (RTE-T), da que non formará parte ata 2027 co que iso implica de perda de investimentos e de tempo na modernización da rede ferroviaria galega. Os nacionalistas denunciaron que si entra no presente período de execución deste macro plan de infraestruturas o corredor mediterráneo. “Non é a primeira vez que Galiza queda discriminada polo Estado cando se trata de infraestruturas vitais para o país, xa pasou con Porto de Vigo que no conseguiu a categoría de porto nodal na RTE-T e quedou relegado ao pelotón de portos de segundo nivel, perdendo investimentos a favor doutros competidores”, salientou a portavoz nacional, Ana Pontón, quen lembrou o “triste papel” xogado polo PP e polo PSOE na Eurocámara, onde o BNG denunciou o trato discriminatorio co porto vigués.

Á marxinación de Galiza por parte do Estado súmase a persistencia de Feijóo en supeditar os intereses do país aos do PP. “A combinación dun Goberno central que nos discrimina e dun Feijóo submiso aos ditados de Rajoy é letal para os intereses dos galegos e das galegas, cada día temos un novo exemplo e cada día a factura en termos de oportunidades, de recuperación económica e de creación de emprego é máis longa e custosa”, denuncia a portavoz do Bloque. Pontón avanza que o BNG vai levar este asunto tanto ao Parlamento galego como a Eurocámara e pregunta a Feijóo que fixo co mandato unánime da Cámara do pasado mes de xullo que, a proposta da formación nacionalista, aprobaba instar ao Goberno central “a realizar as xestións oportunas ante a UE para que, na revisión do regulamento do mecanismo Conectar Europa en 2018, Galicia e as comunidades do norte de España e a Rexión Norte de Portugal queden conectadas ao Corredor Atlántico, configurando unha verdadeira rede de mercadorías por ferrocarril que desde a fachada atlántica comunique co resto de Europa”.

Advertisements