Ventres de alugueiro e custodia compartida imposta, a debate no 25N da man do BNG

O lazo morado simboliza a loita contra a violencia de xénero

O BNG celebrará esta semana un ciclo de encontros para conmemorar o 25 de novembro, día internacional contra a violencia machista. “O ciclo xirará en torno a debates de actualidade polos cambios lexislativos enriba da mesa no ámbito do feminismo e os dereitos das mulleres como a custodia compartida imposta ou os ventres de aluguer”, explicou a responsábel do BNG das Mariñas, Cristina López.

“Mañá luns a partir das 20:30 h no salón azul do edificio Liceo falaremos da custodia compartida imposta coa deputada no Parlamento galego, Noa Presas e o vindeiro mércores a partir das 19:30 no local social da Rúa en Miño dos ventres de aluguer con Olaia Ledo, da executiva nacional do BNG”, explicou a responsábel nacionalista.

“Son temas que están suscitando moito debate social e queremos contribuír así a poñer enriba da mesa estas temáticas que afectan directamente aos dereitos das mulleres. Convidamos a toda a veciñanza da nosa comarca a participar destes encontros abertos pensados para contrastar as diferentes opinións”, concluíu Cristina López. Os nacionalistas veñen organizando desde hai anos debates e mesas redondas con cinefórum en torno ao 25 de novembro e o 8 de marzo, para contribuír a provocar o debate social en torno a igualdade.

Advertisements