A oposición de Miño insiste en criticar a subida do lixo e o IBI

Ricardo Sánchez Oroza, alcalde de Miño

A decisión do Goberno local de Miño de aprobar unha subida do 20% no IBI e do 14% na taxa por recolleita do lixo é cualificada polo PSOE de “engano” aos veciños, xa que os responsables municipais aseguraron en repetidas ocasións que non habería incrementos tributarios.

O portavoz socialista, Manuel V. Faraldo, contrasta este aumento, que relaciona coa débeda municipal pola urbanización construída por Fadesa, co mantemento do soldo do alcalde en 38.000 euros e do tenente de alcalde en 30.000, ademais das dietas por asistencia a plenos e comisións que cobran o resto de membros do Goberno local.

O BNG criticou a subida de impostos que ven de aprobar o goberno local de Miño. “Parécenos un escándalo que se faga pagar a toda a veciñanza pola débeda acumulada para favorecer a unha empresa privada”, explicou a portavoz do BNG de Miño, Olalla Barro, despois de coñecer que o Pleno aprobou a subida na taxa do lixo e no IBI.

A nacionalista insistiu en considerar un despropósito e froito da improvisación toda a política económica de Ricardo Sánchez e o Partido Popular.

Advertisements