Oroza acusa aos expropiados de Fadesa de querer arruinar o Concello por ser do PSOE

Ricardo Sánchez Oroza, alcalde de Miño, coa deputada de En Marea Yolanda Díaz

O Goberno local de Miño defende que a suba do 20% no IBI e do 14% na taxa do lixo “responde exclusivamente” á “necesidade de cumprir” o plan económico financeiro aprobado este ano. O executivo, que realiza estas declaracións tralas críticas do PSOE, tamén asegura que a “débeda municipal” débese “á especulación inmobiliaria” do pasado.

Ademais da explicación “oficial”, o alcalde aproveitou a campaña do PSOE contra a suba destes tributos para arremeter persoalmente nas redes sociais contra os seus excompañeiros de partido. En varias publicacións na rede social Facebook, o rexedor asegura que “deberiamos saber quen son os principais beneficiados das indemnizacións polas expropiacións de Fadesa nas que se pagou a 26 euros o metro cadrado de monte ou de brañas (o que supoñen 12 500 euros polo ferrado de monte), arroxando unha cifra verdadeiramente obscena”: Sánchez Oroza asegura que “nalgún caso esta cifra supera de longo o millón de euros por expropiado” obviando o feito de que cada metro cadrado expropiado a 26 euros Fadesa vendeuno en torno aos 200.

“Non satisfeitos reclaman un 25% máis, e aínda por riba: intereses” denuncia o rexedor apuntando aos veciños expropiados contra os que aínda litiga el e o executivo do PP que encabeza. “De feito o portavoz de PSOE de Miño ven reclamando estes intereses de forma reiterada en todos os plenos” abunda. “Sería bo que, do mesmo xeito que eu publico a miña tan criticada nómina, o Concelleiro Faraldo dese conta do que sucede nas reunións dos afectados ás que leva asistindo dende sempre, e rendésenos un mínimo de conta aos veciños e veciñas de Miño, xa que el non é un veciño calquera: é un cargo público e debería ser un servidor do pobo que o elixiu” asegura, establecendo un paralelismo inexistente.

Oroza responsabiliza aos expropiados que foron á Xustiza a defender os seus dereitos da suba da contribución “porque si foi necesario subir o IBI é para poder pagar o xustiprecio aos expropiados”. “Xa dixen que as débedas páganse, pero tamén digo que algúns deberían chamarse a silencio porque vironse moi beneficiados por todo este proceso” asegura, apuntando ao voceiro socialista, cuxa familia foi unha das expropiadas. Neste sentido, o rexedor exixiu ao edil do PSOE que “faga público en que medida beneficiouse das indemnizacións polas expropiacións de Fadesa nas que se pagou a 26 euros o metro cadrado de monte (o que supoñen 12.500 euros polo ferrado). No caso dalgúns expropiados esta a cifra supera de longo o millón de euros” e que “da conta nas sesións plenarias do que sucede nas reunión dos afectados ás que leva asistindo dende sempre e explique o motivo de por que en cada pleno insiste no pago dos intereses que algúns afectados reclaman ao Concello” dando a entender que sementa insidias nesas xuntanzas.

 

Postos a arremeter, Sánchez Oroza dispara tamén contra o anterior candidato do BNG, tamén afectado por aquelas expropiacións promovidas polo PP en beneficio de Fadesa. “Recordo cando fai non tanto un cabeza de lista do BNG beneficiado polo justiprecio das expropiacións de Fadesa dixo que non lle importaba se o Concello de Miño era intervido, é máis ata lle parecía desexable” asegura.

Advertisements