Fragas do Mandeo realiza outra xornada de limpeza da praia de Ponte do Porco

Ponte do Porco

Voluntarios da Fundación Fragas do Mandeo realizaron entre os días 7 e 19 de xaneiro labores de limpeza e mantemento da praia da Alameda, na localidade miñense de Ponte do Porco, que está considerada polos expertos coma o areal de maior valor ecolóxico de todo o espazo natural protexido Betanzos-Mandeo. Segundo informou onte o colectivo, durante eses doce días retiraron 424 quilos de residuos localizados no espazo intermareal, nas dunas e no humidal e tamén eliminaron as especies exóticas invasoras (23 pés de plumachos e dous focos de crocosmias).

Os traballos enmárcanse nos labores de mantemento periódico que realiza Fragas do Mandeo desde o ano 2011 neste arenal de Ponte do Porco. A asociación ecoloxista recorda que cando comezaron os traballos o sistema dunar da Alameda estaba invadido por especies exóticas e o lixo “imperaba tanto na praia como na zona húmida”.

Advertisements