Duras críticas ao goberno local pola pésima programación do entroido

“Una vergüenza” di esta imaxe da orquestra do Martes de Entroido no Campo. Facebook

A programación deseñada polo goberno local desde a concellaría de Festas- que dirixe o socialista Diego Fernández- non era nin de lonxe orixinal ou innovadora. De feito, repítese exactamente igual mudando apenas as datas do almanaque en que cae o Entroido cada ano. Mais a xornada netamente invernal de onte, Martes de Entroido, e a contratación dunha orquestra para un Campo baleiro e varrido ocasionalmente por refachos de auga e vento semella ter feito rebordar o vaso da paciencia veciñal.

Tanto na rúa como nas redes sociais cuestionábase ter contratado unha orquestra, en inverno, sen atender á climatoloxía. Non en van, desde que comezou o ano practicamente ten chovido todas as semanas e as previsións alertaban, desde hai quince días, de que teriamos un Entroido pasado por auga. Neste sentido, moitas das críticas eran por non ter unha alternativa cuberta, fosen as pistas do Carregal ou unha carpa. Entroncando con ela, a pobreza e falta de imaxinación do programa e a “mala” ou “pésima” calidade das actividades propostas desde a concellaría que dirixe Diego Fernández.

Críticas por facelo todo no Campo

Outra boa parte da crítica veciñal que ten levantado a programación é o feito de poñer esta orquestra na praza do Campo. Para favorecer, din, a “os de sempre”, “os que non colaboran” e outras frases similares, en referencia ás cafeterías dos Soportais.

O goberno local optou por recuperar, hai un par de anos, unha verbena popular para o Entroido elixindo a praza do Campo. A pesar de que, desde hai anos, tanto o alcalde coma o edil de Festas manteñen unha campaña de descualificación na prensa contra os hostaleiros da principal praza da nosa cidade. “Llama la atención que aporta más la hostelería de otras áreas de la ciudad que los del entorno de O Campo y Os Soportais quienes se benefician directamente del San Roque” aseguraba Diego Fernández en El Ideal Gallego na antesala do San Roque de 2017.

O concelleiro de Festas aseguraba que ese ano, “como cada año, se les llamó para colaborar, como a todas las empresas de Betanzos” e, negando unha suposta “hostilidade” entre o seu departamento e os hostaleiros, asegura que “la realidad es la que es y, salvo honrosas excepciones, no colaboran con el San Roque”. A pesar destas manifestacións, o edil decidiu hai uns anos celebrar unha verbena diante destes locais no Entroido.

Advertisements