O goberno de Miño prevé aumentar o gasto político coa contratación dun asesor

O goberno local de Miño nun Pleno. En primeio plano o alcalde, de MPA, e ao fondo o grupo municipal do PP

O goberno local de Miño elevará hoxe a comisión informativa a proposta de crear unha nova praza de asesor para funcións de “asesoramiento ao grupo de goberno en materias correspondentes ao ámbito das súas competencias”. Segundo recolle a proposta, este asesor terá unha retribución anual de 24.500 euros, aos que hai que sumar 8.500 de Seguridade Social, polo que o custo total será de 33.000 euros.

O incremento dos gastos do goberno local chega despois de que o Concello se vise obrigado a aprobar un plan económico financeiro con subida de impostos e axustes en subvencións e servizos para garantir a devolución do millonario préstamo para pagar aos expropiados de Fadesa.

O Executivo municipal argumenta que a contratación deste asesor non suporá un incremento dos custos do capítulo de persoal, dado que non prevé cubrir a praza de técnico do departamento de Tesorería, polo que que financiará o cargo de asesor co gasto consignado para esa praza. Substituirá así persoal do Concello con máis cargos políticos.

Todo apunta a que a proposta, que deberá aprobarse en pleno, non contará co apoio da oposición. A proposta do Goberno local de incrementar o gasto político coa contratación deste asesor chega ademais uns meses logo dun bronco pleno polo custo dos soldos políticos. A oposición reclamou sen éxito que o Executivo recortase os seus salarios a niveis do anterior mandato.

Os socialistas alegaron que o Concello rexistrou en 2016 o maior déficit de toda Galicia e criticaron ao Executivo por manter uns salarios superiores aos da legislatura pasada pese a aprobar en agosto un plan económico financeiro con recortes en subvencións e subida de impostos.

Advertisements