A Reserva pretende desmantelar catro recheos na ría e o encoro de Cecebre

A AC-164 salva a ría de Betanzos pola ponte do Pedrido

A Reserva da Biosfera recuperará catro enclaves naturais degradados a través do proxecto Life Fluvial, que ten por obxectivo mellorar o estado de conservación dos corredores fluviais da Rede Natura 2000. O plan, que redacta o Instituto Universitario de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural da Universidade de Santiago de Compostela asume un proxecto da Demarcación de Costas do Estado en Galicia para o que o goberno español nunca puxo fondos: retirar o recheo dos antigos campos de tiro e fútbol que o Concello de Bergondo levantou sobre a marisma en Miodelo.

O proxecto foi presentado polos xestores da Reserva ás entidades ecoloxistas e conta con 400 000 euros de orzamento, do que 3/4 serán aportados pola Unión Europea. Ademais de retirar estes dous recheos en Bergondo, tamén retirarán outros dous no encoro de Abegondo-Cecebre. Os da ría acometeráos TRAGSA e os do encoro a empresa titular do mesmo, a Empresa Municipal de Augas da Coruña (Emalcsa).

Os terreos da ría volverán ao seu estado natural de braña e marisma e os do encoro reforestaranse con freixos e salgueiros, retirando recheos e abrindo canles para que penetre a lámina de auga da presa. A Reserva da Biosfera calcula que os traballos comezarán no verán. Os proxectos están actualmente en fase de redacción e os colectivos ecoloxistas terán oportunidade de facer achegas e observacións, se ben a Reserva non dá opción, pola información ofrecida, a que outros colectivos ou persoas poidan alegar a un proxecto que, sen dúbida, ten impacto ambiental polo escenario no que se executa.

Advertisements