A Xunta volve anunciar a “próxima licitación” das obras nas oito casas que ten a caer no Casco Histórico

Campaña do BNG para denunciar o abandono das casas da Xunta no Casco Histórico

Novo anuncio do goberno galego sobre a rehabilitación das casas que ten caendo na zona monumental brigantina. Nun anuncio mimético ao de hai un par de anos, a Xunta anuncia que “proximamente” licitará as obras de rehabilitación dos oito inmobles da súa propiedade no conxunto histórico de Betanzos adquiridos en 2010 e sobre os que nin sequera efectuou actuacións mínimas de conservación desde a data.

O anuncio fíxoo o director xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo, Heriberto García, no Parlamento de Galicia. Asegurou que “proximamente” sairán a licitación as obras de rehabilitación dos inmobles emprazados nos número 45, 47 e 49 da rúa da Cerca, 3, 4 e 6 da rúa Cortaduría, Rúa Nova 75 e rúa da Torre 17, cun investimento total de 2,6 millóns de euros e o obxectivo de acadar 13 vivendas e 1 local comercial.

Estes 8 inmobles sumaranse aos tres que xa se atopan en rehabilitación emprazados nos números 9 3 13 da rúa da Cerca e no número 13 da rúa Clérigos, e nos que a Xunta está a investir preto de 1,1 millóns de euros. Desa forma concluirase a rehabilitación de todos os edificios de propiedade da Xunta de Galicia, adquiridos na precampaña das eleccións municipais de 2010 co anuncio dunha rehabilitación exemplar que, no mellor dos casos, chega oito anos despois e a contagotas.

Segundo a Xunta, os Romay non podían rehabilitar a súa casa gótica

“Eses edificios foron adquiridos polo Goberno galego co investimento de máis de 560.000 euros, agás un, que foi cedido gratuitamente e sen condicións polos seus antigos propietarios, que non podían facer fronte á rehabilitación do mesmo” asegura nun comunicado a Xunta. O inmoble “cedido gratuitamente e sen condicións” é a segunda casa gótica da rúa da Cerca, propiedade da familia do exministro Romay Beccaría, que decidiu ceder o inmoble á Xunta cando, tras un derrubamento parcial sobre as fincas colindantes e a vía pública, o Concello abriu un expediente de cuxa conclusión nunca informou.

Advertisements