Cultura da Deputación sube a 1400 os espectáculos para concellos da Rede Cultural

Goretti Sanmartín, deputada de Cultura, xunto ao alcalde e o voceiro do BNG na visita a Betanzos

Os concellos da provincia da Coruña terán até o día 20 de febreiro para facer a súa solicitude na Rede Cultural da Deputación da Coruña. Nesta nova edición, o circuíto ofrece 1.359 espectáculos nas súas catro liñas, nun programa que está dotado con máis de dous millóns de euros con destino aos concellos. Un incremento notable que supón unha aposta decidida polo sector cultural como xenerador de emprego e riqueza na provincia por parte do Departamento de Cultura, que dirixe a deputada do BNG Goretti Sanmartín.

“Escena ao vivo!”, a categoría profesional de artes escénicas e musicais, é o programa que máis espectáculos inclúe no catálogo da Rede Cultural da Deputación da Coruña dirixida á programación nos concellos. Máis da metade das 1.359 propostas que completan a oferta cultural deste ano pertencen a este apartado que inclúe un total de 825 espectáculos dos que 388 corresponden a teatro e monicreques, 377 a música e 60 a danza.

Un total de 118 son as películas que compoñen a oferta do programa “Visións!” destinado a promoción de cinema e contidos audiovisuais, unha nova aposta que ten, entre outros obxectivos, buscar espazos de distribución para as producións galegas con filmes como Sicixia, Mimosas, ou Costa da Morte.

Lingua a escea, unha nova liña dentro da Rede Cultural

Ás categorías xa existentes súmase nesta nova convocatoria o programa “Lingua á escena” de espectáculos profesionais de música, teatro, danza, narración oral e monicreques con contidos específicos orientados á dinamización social da lingua galega para concellos que inclúe nesta primeira edición trece espectáculos.

Finalmente, o apartado non profesional, “Alicerce”, destinado á programación en concellos e entidades de compañías amadoras de música, danza e teatro ofrece un total de 403 espectáculos. O orzamento deste ano dos programas “Escena ao Vivo!”, “Visións” e “Alicerce” ascende a 1.860.000 € aos que compre sumar 200.000 que a Deputación da Coruña destina ao novo programa “Lingua a escena!”.

O pasado ano, a Rede Cultural da Deputación da Coruña levou un total de 1.170 actuacións aos concellos e moveu arredor de tres millóns de euros no sector. A Deputación achega o 75% do orzamento das contratacións artísticas para concellos de menos de 5.000 habitantes, un 60% para os que están entre os 5.000 e os 10.000, dun 50% aos que están entre 10 e 20 000, dun 40% aos que están entre 20 e 50 000 e dun 30% aos de máis de 50 000.

Un balón de oxíxeno a un sector económico

A vicepresidenta e responsábel da área de Cultura da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín, destaca a condición da Rede de “balón de osíxeno do sector cultural e un motor para a contratación no ámbito artístico ademais de unha ferramenta sólida para achegar a oferta cultural a todos os públicos, en especial, aos dos concellos de menos habitantes”.

Exemplo de boas prácticas na xestión cultural

Desde a Deputación da Coruña animan aos concellos a participar na Rede Cultural e, de maneira especial, no novo programa destinado á promoción da normalización lingüística que se inaugura nesta nova edición. ” A Rede Cultural significa unha “corresponsabilidade” da Deputación e os Concellos na programación cultural e, neste sentido, queremos que sexa un exemplo de boas prácticas en xestión cultural con garantía de condicións óptimas de desenvolvemento dos espectáculos”, sinalou Goretti Sanmartín.

Advertisements