Presentación


Xornal de Betanzos nace coa vocación de prestar un servizo a toda a poboación da comarca de As Mariñas e á súa capital, Betanzos. Constituímos un novo medio de comunicación dixital que pretende ofrecer información pública de calidade desde un punto de vista imparcial e de rigorosa independencia de poderes políticos, económicos e sociais desde unha perspectiva progresista.

O equipo humano de Xornal de Betanzos está integrado por unha redacción xoven pero preparada, con ganas de agradar ó seu público e con vocación de camiñar constantemente na senda da innovación. As páxinas de Xornal de Betanzos recollerán todas as noticias interesantes para Betanzos e a súa zona de influencia, transcendendo da reproducción das notas de prensa facilitadas por gabinetes políticos, empresariais ou institucionais para afondar nas caras máis novidosas ou interesantes do suceso informativo.

Xornal de Betanzos tamén quere contribuír a xenerar opinión na nosa cidade e a súa zona de influencia. Por este motivo as nosas páxinas recollerán artigos de distintos personaxes do mundo da política, a empresa e a sociedade da nosa comarca. Igualmente, dentro da sección Praza do Campo ofreceremos enlaces ós artigos máis interesantes que a dinámica rede de blogs betanceira ofreza. Tanto estes artigos de opinión como calquera nova recollida nas nosas páxinas está aberta a ser comentada polos nosos lectores, coa única cortapisa do respecto ás liberdades e dereitos fundamentais. Xornal de Betanzos non se fará responsable nin das opinións dos seus colaboradores nin das opinións que os lectores poidan expresar, reservándose o dereito de retirar os comentarios que sexan manifestamente ofensivos.